Dez rutas de As Mariñas e da área da Coruña entran na listaxe de Sendeiros Azuis 2026

ACoruñaXa
A provincia da Coruña suma 15 rutas, onde Miño e Oleiros encabezan o mapa comarcal con catro sendeiros cada un, mentres Arteixo e A Coruña manteñen percorridos costeiros e forestais recoñecidos
MIÑO rio medio
21 Feb 2026

A rede dos Sendeiros Azuis medra en 2026 ata cifras récord. A Coruña contará este ano con 15 distintivos, segundo a relación feita pública pola Xunta. O acto oficial de entrega das bandeiras aos concellos será o 6 de marzo en Cullera (Valencia).

O balance nas Mariñas é especialmente favorable: Miño e Oleiros concentran o maior número de itinerarios, con catro sendeiros cada un, aos que se suman a Senda Azul de Arteixo e o trazado do Monte da Fraga na Coruña. En conxunto, son dez rutas que reforzan a oferta de paseo e natureza nunha franxa territorial onde o litoral, as ribeiras e os espazos verdes funcionan como auténticos corredores de lecer ao aire libre.

En Miño, a novidade desta edición é a incorporación da Senda dos Muíños do río Medio ao listado, un percorrido curto e de marcado carácter etnográfico, ligado aos muíños e ao curso fluvial. A esta distinción súmanse outras tres rutas xa coñecidas no municipio, como a Fraga dos Muíños do río Xarío, a Senda dos Sentidos e a Senda das Marismas do Baxoi, con trazados pensados para o paseo familiar e a lectura ambiental de espazos sensibles como as ribeiras e zonas húmidas.

Oleiros revalida tamén catro Sendeiros Azuis, cunha rede que combina costa, bosque e tramos fluviais. Entre os itinerarios recoñecidos figuran o Costa Libre, pensado para recuperar e asegurar o uso público do litoral; o Seixo Branco-Furnas, na contorna costeira de gran valor natural e paisaxístico; o Bosque de Xaz, que suma interese ambiental e arqueolóxico; e o sendeiro do río de San Pedro, unha ruta peonil e ciclista que enlaza distintos puntos do municipio con pasarelas e elementos patrimoniais tradicionais no seu percorrido.

En Arteixo, a Senda Azul volve situar o litoral municipal no escaparate estatal das rutas costeiras de calidade, cun trazado que conecta praias e miradoiros entre Sabón e Barrañán e que se consolidou como un dos percorridos máis usados para camiñar xunto ao mar.

No caso da Coruña, a listaxe inclúe o Monte da Fraga da Universidade da Coruña, un itinerario pensado para achegar un espazo forestal ao uso público e ao paseo cotián no ámbito urbano.

A distinción, promovida pola ADEAC, avalía cuestións como a preservación ambiental, a seguridade, a sinalización e unha xestión coherente do patrimonio natural e cultural, de maneira que as rutas recoñecidas funcionan tamén como ferramentas de educación ambiental e de promoción dun turismo máis sostible.

0.090583086013794