Catro propostas gratuítas permitirán descubrir e protexer o litoral de Arteixo este mes de setembro

ACoruñaXa
O Centro Mar de Sorrizo acollerá contacontos, obradoiros e actividades sobre vida mariña, ecoturismo e lixo no mar
ARTEIXO mar do sorrizo
15 Sep 2026

O Centro Mar de Sorrizo acollerá durante o mes de setembro un novo programa de actividades gratuítas dedicado a coñecer, conservar e poñer en valor o patrimonio natural, cultural e marítimo do litoral de Arteixo.

A programación, impulsada polo Concello, reúne catro propostas pensadas para públicos de diferentes idades e co obxectivo de achegar á cidadanía o coñecemento da contorna costeira e fomentar actitudes responsables coa súa conservación.

As actividades están financiadas polo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura e pola Consellería do Mar, a través das axudas xestionadas polo GALP Golfo Ártabro Sur.

A primeira das citas será o 18 de setembro, cunha sesión de contacontos e pequenos mundos inspirada na obra 'Tiddler', de Julia Donaldson. A proposta estará especialmente dirixida aos máis pequenos.

Ao día seguinte, o 19 de setembro, será a quenda do obradoiro 'A vida dentro dunha pinga de auga de mar'. Os participantes poderán descubrir o plancto e diferentes formas de vida mariña mediante a observación con lupas binoculares e microscopios.

A programación continuará o 23 de setembro co obradoiro 'Natureza e ecoturismo', centrado na importancia de desenvolver formas de turismo máis sostibles e respectuosas co territorio.

Finalmente, o 25 de setembro, o Centro Mar de Sorrizo acollerá 'Monstruos e Tesouros do mar', unha actividade que abordará a problemática do lixo mariño desde unha perspectiva artística e participativa.

Todas as actividades serán de carácter gratuíto, aínda que será necesario realizar inscrición previa. As persoas interesadas deberán formalizala con 48 horas de antelación a través do calendario de eventos dispoñible na páxina web do Concello de Arteixo.

A iniciativa busca converter o Centro Mar de Sorrizo nun punto de encontro para coñecer mellor o litoral arteixán e, ao mesmo tempo, promover entre a veciñanza a conservación dun patrimonio natural especialmente ligado á identidade do municipio.

0.1464831829071