Case un millón de euros para transformar por completo o Pabellón Castelao I de Ordes

ACoruñaXa
A Xunta achega 500.000 euros para unha reforma que renovará a pista, a accesibilidade, a iluminación e os sistemas de ventilación dunha instalación con preto de 30 anos
ORDES pabellon castelao 1
21 Aug 2026

O Pabellón Municipal Castelao I de Ordes afrontará unha profunda renovación despois de que a Xunta de Galicia concedese ao Concello unha axuda de 500.000 euros para executar o proxecto de reforma integral da instalación. O investimento total previsto achégase ao millón de euros, con 999.970,05 euros destinados a transformar un dos principais espazos deportivos do municipio.

A actuación permitirá actualizar un pavillón que conta con arredor de tres décadas de antigüidade e que é utilizado diariamente por clubs deportivos, deportistas, centros educativos e veciñanza. A intervención busca adaptar o recinto ás necesidades actuais e mellorar as súas condicións para poder acoller tamén competicións e eventos deportivos de maior nivel.

Un dos cambios máis destacados será a instalación dunha nova pista deportiva de madeira, homologada para competicións de alto nivel e preparada para modalidades como hóckey sobre patíns, patinaxe artística, baloncesto, fútbol sala ou balonmán.

O proxecto tamén incorpora importantes melloras en materia de accesibilidade. Está prevista a reforma das escaleiras das bancadas, a creación dunha nova rampa de acceso á pista e a adaptación dos aseos e vestiarios para facilitar o seu uso por persoas con mobilidade reducida.

Un novo videomarcador de nove por cinco metros

A reforma permitirá ademais modernizar o equipamento tecnolóxico do pavillón. Entre as novidades figura a instalación dun videomarcador LED de 9 por 5 metros, con sistema multideporte e equipamento audiovisual.

Tamén se substituirá a iluminación existente por un novo sistema LED, tanto na pista e nas bancadas como nos espazos interiores, incorporando mecanismos de regulación e control.

As condicións ambientais do recinto mellorarán igualmente coa instalación dun sistema de ventilación e deshumidificación, pensado para controlar a temperatura, a humidade e a calidade do aire e reducir os problemas de condensación.

No apartado acústico, colocaranse novos paneis nas paredes e no teito e instalarase un sistema de megafonía preparado para competicións e eventos con elevada afluencia de público.

Renovación das instalacións e mellora da eficiencia

As obras incluirán tamén a renovación das instalacións eléctricas, de fontanería e saneamento, así como dos sistemas de emerxencia e protección contra incendios.

O proxecto contempla ademais unha intervención sobre a envolvente do edificio, con melloras nas fachadas e no illamento, actuacións nas cubertas e lucernarios e outras medidas destinadas a incrementar o confort e a eficiencia enerxética do pavillón.

A renovación completarase coa actuación sobre bancadas, peches e pavimentos e coa incorporación de novo equipamento deportivo, entre o que se inclúen canastras, porterías e bancos de suplentes.

Máis capacidade para competicións deportivas

A reforma pretende mellorar o uso diario dunha instalación que acolle actividades de diferentes disciplinas e, ao mesmo tempo, reforzar a capacidade de Ordes para organizar competicións e eventos deportivos de ámbito autonómico e nacional.

O proxecto establece un prazo máximo de execución de catro meses, polo que a intervención suporá unha transformación integral dun dos principais equipamentos deportivos do municipio.

0.14067006111145