Case 300.000 euros para modernizar o Pavillón Arsenio Iglesias de Santa Cruz

O Concello de Oleiros iniciou as obras de renovación do Pavillón Arsenio Iglesias de Santa Cruz, unha actuación que supón un investimento de 296.650 euros e que permitirá modernizar dúas das principais infraestruturas da instalación deportiva.
Os traballos contemplan a substitución completa do pavimento por un novo chan máis adecuado para a práctica deportiva, dando resposta ás necesidades trasladadas polos clubs que utilizan habitualmente o pavillón. O obxectivo é ofrecer unha superficie que mellore as condicións de xogo e o uso diario das instalacións.
A intervención inclúe tamén a renovación integral da cuberta para eliminar os problemas de filtracións de auga e garantir un mellor estado de conservación do edificio.
Con este investimento, o Concello de Oleiros continúa avanzando na mellora e modernización das instalacións deportivas municipais, co propósito de ofrecer espazos máis seguros, funcionais e adaptados ás necesidades dos clubs, dos centros educativos e das persoas usuarias.