Case 30 actividades levarán a intelixencia artificial, a innovación e o emprendimento a doce espacios da provincia

A provincia da Coruña prepárase para unha semana dedicada ao emprendemento, á innovación e á transformación empresarial. A Deputación da Coruña celebrará do 14 ao 20 de setembro a terceira edición do Rede Coworking Fest, unha iniciativa que reunirá preto de 30 actividades nos doce espazos que forman parte da Rede Provincial de Coworking.
A programación está dirixida principalmente a persoas emprendedoras, autónomas e pequenas e medianas empresas e ofrecerá de maneira gratuíta obradoiros, sesións formativas, encontros profesionais, xornadas de portas abertas, visitas a empresas e actividades de networking.
Entre os contidos previstos figuran cuestións que teñen cada vez máis peso na actividade empresarial, como a intelixencia artificial, a dixitalización, a comunicación, a estratexia comercial, a xestión do tempo, a sostibilidade, o emprendemento rural ou as diferentes vías de financiamento.
Actividades tamén en Miño, Oleiros e Ferrolterra
O programa terá presenza en distintos puntos da provincia, con propostas especialmente vinculadas ao territorio rural e ás necesidades dos proxectos empresariais locais.
En Miño, o espazo Casa do Pescador acollerá o xoves 17 de setembro unha sesión centrada no SEO local, orientada a que os negocios poidan mellorar a súa visibilidade en internet e facilitar que os potenciais clientes os atopen.
Tamén haberá actividades en Oleiros, onde o Pazo de Arenaza será escenario ese mesmo día dunha xornada dedicada á proxección de produtos e empresas da provincia.
A programación chegará así mesmo ás Pontes, Moeche e A Capela. Nas Pontes celebraranse varias xornadas de portas abertas e sesións relacionadas co futuro empresarial do municipio, mentres que A Fusquenlla, en Moeche, ofrecerá visitas a diferentes explotacións e xornadas para coñecer de preto proxectos agroalimentarios do territorio.
En A Capela, pola súa banda, organizaranse actividades sobre intelixencia artificial aplicada aos negocios, formas xurídicas para emprender e unha xornada de portas abertas con almorzo de networking.
A proposta tamén se estenderá a outros concellos como Boiro, Brión, Ames, Vedra, Santiago e A Pobra, con actividades adaptadas a diferentes perfís e sectores.
Unha semana para coñecer os recursos dispoñibles
Ademais de ofrecer formación sobre cuestións concretas, o Rede Coworking Fest pretende achegar a emprendedores e empresas os servizos dispoñibles nos doce espazos da Rede Provincial de Coworking. Estes centros proporcionan espazos de traballo, asesoramento, acompañamento e formación para facilitar a posta en marcha e consolidación de proxectos empresariais.
A iniciativa enmárcase no Plan de Emprego Local (PEL) e busca reforzar as oportunidades para emprender en diferentes puntos da provincia, con especial atención ao ámbito rural.
Todas as actividades son gratuítas, aínda que aquelas que teñan un número limitado de prazas requiren inscrición previa. A programación completa e os formularios para participar poden consultarse na web da Rede Provincial de Coworking.