Case 200.000 euros para reforzar o labor de 39 asociacións veciñais e de mulleres rurais da provincia

ACoruñaXa
A Deputación da Coruña publica a concesión provisional dun programa de axudas para melloras en locais sociais, eficiencia enerxética, accesibilidade e renovación de equipamentos
DIPU CORU mulleres rurais
23 Apr 2026

A Deputación da Coruña vén de dar un novo impulso ao tecido asociativo do rural coa concesión provisional de axudas por valor de 199.825,84 euros destinadas a investimentos de promoción económica en entidades sen fins de lucro. En total, a convocatoria beneficiará a 39 colectivos da provincia, dos que 36 son asociacións de veciños e tres, asociacións de mulleres rurais.

Estas achegas permitirán afrontar actuacións como a reforma e posta a punto de locais sociais, a reparación de cubertas, a mellora da accesibilidade, medidas de eficiencia enerxética e a modernización de equipamentos informáticos e mobiliario. O obxectivo é consolidar espazos de encontro e actividade social especialmente importantes nas parroquias e no ámbito rural.

A deputada de Medio Rural, Cristina Capelán, destacou o papel destas entidades na vida diaria das aldeas e parroquias. 'No rural, cando unha asociación veciñal funciona, organízanse actividades e a xente segue tendo un punto de encontro. Estes investimentos axudan a que iso continúe, a que os locais estean en condicións e a que a vida diaria das parroquias non se vaia apagando', sinalou.

Capelán tamén puxo o foco no traballo sostido que desenvolven desde hai anos as asociacións veciñais e de mulleres rurais. 'As asociacións veciñais e de mulleres levan anos sostendo boa parte da actividade social no rural, organizando iniciativas e implicando á xente. Apoialas é clave para manter vivo o noso rural', afirmou.

A concesión provisional da Deputación deixa varias entidades beneficiarias das Mariñas, como a A.VV. Barcarola de Catro Camiños, na Coruña, con 1.000 euros; a Asociación de Veciños de San Juan de Anceis, en Cambre, tamén con 1.000 euros; e a Asociación Parroquial de Veciños San Xorxe de Vilarmaior, que recibirá 2.424,96 euros, dentro dunha liña de axudas pensada para mellorar locais sociais, gañar eficiencia enerxética e renovar equipamentos no tecido veciñal do rural e dos núcleos de convivencia.

A convocatoria inclúe, ademais, apoio a entidades de distintos puntos da provincia nun reparto que busca dar resposta a necesidades moi diversas, desde pequenas melloras en infraestruturas ata a renovación tecnolóxica. A resolución supón un novo respaldo institucional a unhas asociacións que, en moitos núcleos, actúan como motor da convivencia e da participación social.

0.11943793296814