Casa 47 pon a disposición da cidadanía da Coruña 35 vivendas de alugueiro accesible na área metropolitana

ACoruñaXa
A convocatoria inclúe 32 inmobles en Carral e tres en Arteixo, con solicitudes abertas ata o 15 de setembro
CASA 47
31 Jul 2026

As persoas que buscan unha vivenda de alugueiro na contorna da Coruña teñen desde este venres unha nova oportunidade. Casa 47 abriu o prazo para solicitar algunha das 35 vivendas de alugueiro accesible situadas na área metropolitana coruñesa, concretamente nos municipios de Carral e Arteixo, dentro dunha convocatoria que suma 99 inmobles en toda Galicia.

A maior parte da oferta concéntrase en Carral, onde se poñen á disposición da cidadanía 32 vivendas, mentres que en Arteixo hai outras 3. En total, a provincia da Coruña contará con 92 vivendas, repartidas tamén entre Ares, Boiro, Cedeira, Malpica de Bergantiños e Ribeira.

O prazo para presentar solicitudes permanecerá aberto ata o 15 de setembro e todo o proceso poderá realizarse de forma telemática a través da páxina web de Casa 47. As persoas interesadas poderán consultar as características de cada inmoble, incluídas fotografías, localización, superficie, prezo do alugueiro e os requisitos económicos para acceder a el.

As vivendas dispoñibles teñen superficies de entre 30 e 162 metros cadrados, con alugueiros que oscilan entre os 350 e os 705 euros ao mes, segundo as características de cada inmoble.

Os contratos poderán prolongarse ata un máximo de 75 anos, cun período inicial de 14 anos e prórrogas automáticas de sete anos, sempre que as persoas adxudicatarias continúen cumprindo as condicións establecidas.

Para optar a unha destas vivendas será necesario non ser propietario doutro inmoble e acreditar uns ingresos conxuntos da unidade de convivencia de entre 2 e 7,5 veces o IPREM. Ademais, a renda mensual nunca poderá superar o 30 % da renda media do municipio.

A adxudicación realizarase mediante un sorteo ante notario, que establecerá a orde das solicitudes. Unha vez comprobado que se cumpren todos os requisitos, as persoas beneficiarias poderán visitar a vivenda antes da sinatura do contrato e da entrega das chaves.

0.12303495407104