Carral retira da vía pública dous coches abandonados dentro dunha campaña de salubridade

ACoruñaXa
Un dos vehículos permanecía desde 2020 na DP-2104, cara a Quembre, e o outro levaba máis de dous anos na DP-2106, en As Táboas
CARRAL vehículo abandonado
30 Dec 2025

O Concello de Carral vén de retirar da vía pública dous vehículos en estado de abandono como parte dunha campaña municipal orientada a reducir problemas de salubridade no termo municipal. Segundo a información facilitada polo goberno local, un dos coches levaba estacionado desde 2020 na DP-2104, a estrada que conecta con Quembre, mentres que o segundo permanecía desde hai máis de dous anos na DP-2106, na zona de As Táboas, na parroquia de San Vicente de Vigo.

O alcalde, José Luis Fernández Mouriño, explica que este tipo de actuacións non son inmediatas, xa que implican unha tramitación “prolongada” e varios pasos previos, coa intervención da Policía Local e do persoal técnico de Medio Ambiente. O procedemento comeza coa análise de cada caso e a constatación do estado de abandono. A Policía Local elabora un informe no que conclúe esa circunstancia e, en paralelo, os servizos técnicos de Medio Ambiente redactan o seu propio informe e contactan coa persoa propietaria para comunicarlle a situación e abrir un prazo para presentar alegacións.

Unha vez transcorrido ese período sen resposta, o Concello propón a declaración do vehículo como residuo e ponse en contacto cun xestor autorizado, que é quen finalmente realiza a retirada e a xestión correspondente, conforme á normativa.

O rexedor avanzou, ademais, que xa se está tramitando a retirada doutro automóbil, aínda que neste caso atópase nun terreo privado, unha circunstancia que, segundo indicou, “dilata máis os prazos” por requirir xestións adicionais.

⚙ Configurar cookies
0.090842962265015