Carral repite como escenario de 12 obras no Ciclo de Teatro de Outono

ACoruñaXa
As representacións terán lugar en Tabeaio durante outubro e novembro, con entrada libre ata completar aforo
teatro-escenario
3 Out 2024

O teatro volverá ser protagonista no concello de Carral coa celebración dunha nova edición do Ciclo de Teatro de Outono. O local Xente Nova de Tabeaio será o escenario onde se representarán 12 funcións, repartidas entre os meses de outubro e novembro, dirixidas a veciños e veciñas de todas as idades.

A programación comeza este venres, 4 de outubro, coa compañía Constraproducións e a súa obra Apaga o candil, ás 20.30 horas. A peza narra o encontro entre dous personaxes: O Xestal e a morte, nunha divertida e reflexiva confrontación sobre a vida e o seu final.

A oferta teatral continuará con Saíndo do cerco, de Teatro do Miolo, o 11 de outubro, e Diente de leche, de Titerefué e Titiritainas Teatro de Títeres, o 12 de outubro, no marco do Festival de Galicreques. Este último espectáculo está pensado especialmente para os máis pequenos, maiores de 4 anos, que descubrirán o traballo do Rato Pérez.

A programación esténdese ata finais de novembro, incluíndo obras como Testosterona, de Malasombra, Made in Galicia, de Sarabela Teatro, e Solo, unha reflexión persoal do artista Roi Borballas. O ciclo rematará o 29 de novembro con Crisálida, de Caramuxo Teatro, que conta a historia dunha emblemática mercería con máis de 80 anos de historia.

As entradas serán de balde ata completar aforo, e o público deberá asegurarse de estar puntualmente, xa que unha vez comezada a función, non se permitirá o acceso á sala. Este ciclo supón unha nova oportunidade para os habitantes de Carral de gozar dun outono cargado de cultura e entretemento, mantendo viva a tradición teatral no municipio.

0.1887321472168