Carral repartirá 2.000 euros en premios durante a campaña de comercio de Nadal

ACoruñaXa
A iniciativa 'Volve a Carral no Nadal' estará activa entre o 12 de decembro de 2024 e o 12 de xaneiro de 2025 para impulsar as compras no comercio local
carral sorteo nadal
11 Dec 2024

Un ano máis, o Concello de Carral pon en marcha a súa tradicional campaña de Nadal co obxectivo de dinamizar o comercio local e promover a actividade económica durante estas datas festivas. Baixo o lema 'Volve a Carral no Nadal', esta XXX edición da campaña repartirá un total de 2.000 euros en premios entre aquelas persoas que realicen as súas compras nos establecementos adheridos.

A iniciativa estará en funcionamento desde o 12 de decembro ata o 12 de xaneiro de 2025. Durante este período, as persoas que realicen unha compra que cumpra co importe mínimo recibirán un boleto tipo “rasca”. Estes boletos permitirán optar a premios en metálico de entre 100 e 300 euros. En total, o Concello distribuirá 25.000 boletos entre os negocios participantes, entre os que se repartirán dous premios de 300 euros, catro de 200 e seis de 100 euros.

O funcionamento da campaña é sinxelo: aquelas persoas que obteñan un boleto premiado deberán entregar o rasca xunto co ticket de compra nas oficinas do Concello antes do 30 de xaneiro de 2025. Unha vez validada a información, expedirase un cheque coa contía correspondente para que o premiado poida canxealo.

Esta iniciativa forma parte das actividades que o Concello de Carral organiza para apoiar o comercio de proximidade e dinamizar a vida do municipio durante o Nadal. Ademais, súmase a outras propostas recentes como o concurso Tapeando Carral, co que se puxo en valor a gastronomía local. Con 'Volve a Carral no Nadal', o goberno municipal reitera o seu compromiso co tecido comercial e coa promoción de Carral como destino atractivo durante estas festas.

⚙ Configurar cookies
0.55762910842896