Carral reforza a limpeza nas rúas con novos sinais para lembrar a obriga de recoller as deposicións dos cans

ACoruñaXa
A Policía Local xa instalou a primeira sinalización na contorna do Campo da Feira, a igrexa e as rúas Souto e Uxío Novoneyra, e prevé ampliala a outros puntos como Alcalde Juan Seijas, Belvís de Paleo e Víctor Velasco
CARRAL sinal cans
8 Jan 2026

O Concello de Carral comezou a colocar nova sinalización informativa para promover a tenza responsable de animais de compañía e, sobre todo, para frear un dos problemas que máis queixas está a xerar entre a veciñanza: as deposicións sen recoller en espazos públicos.

Segundo explica a Policía Local, os primeiros sinais xa se poden ver na contorna do Campo da Feira e da igrexa, así como nas rúas Souto e Uxío Novoneyra. A medida non quedará aí: o Concello anuncia que a sinalización tamén se instalará en vías como Alcalde Juan Seijas, Belvís de Paleo e Víctor Velasco, entre outros emprazamentos do municipio.

Desde o goberno local lembran que recoller os excrementos non é só unha cuestión de civismo e convivencia, senón tamén unha obriga que pode derivar en sanción. A ordenanza municipal establece multas que, segundo a gravidade, poden ir desde 30,05 euros ata 300,50 euros nas infraccións leves, e superar esa contía en casos máis serios.

O Concello fai un chamamento á colaboración para manter limpos os espazos comúns e reducir situacións incívicas que provocan molestias, especialmente en zonas de paso e de maior uso veciñal.

⚙ Configurar cookies
0.080655813217163