Carral recupera o Torneo de Tenis de Verán e abre as inscricións para as competicións estivais

ACoruñaXa
O municipio celebrará entre xullo e setembro a XVI edición do torneo de tenis e a X do campionato de pádel, dirixidos a participantes a partir dos 15 anos
tenis xenérica
4 Jul 2026

Carral volverá converterse este verán nun punto de encontro para os afeccionados aos deportes de raqueta coa celebración da XVI edición do Torneo de Tenis de Verán e da X edición do Torneo de Pádel de Verán. Ambas competicións desenvolveranse entre o 20 de xullo e o 13 de setembro nas instalacións deportivas municipais.

A principal novidade desta edición será o regreso do torneo de tenis, que volve ao calendario tras varios anos sen celebrarse. A última edición tivo lugar en 2018 e a súa recuperación responde ao crecente interese que esta disciplina esperta no municipio.

O concelleiro de Deportes, Óscar Bodelo, explicou que a decisión se tomou ante o aumento das inscricións na escola municipal de tenis de verán e o elevado uso que rexistran as pistas desde a súa reapertura.

Pola súa banda, o torneo de pádel alcanza a súa décima edición convertido nunha das citas deportivas máis consolidadas do verán en Carral. A competición continúa medrando ano tras ano e, en 2025, reuniu 24 parellas, que disputaron un total de 80 encontros.

As inscricións para o torneo de tenis permanecen abertas desde este venres, mentres que as do campionato de pádel poderán formalizarse a partir do sábado 4 de xullo. En ambos os casos, o prazo rematará o 18 de xullo e as persoas interesadas poderán anotarse de forma presencial no Complexo Deportivo Municipal ou a través do formulario habilitado polo Concello.

Os dous torneos están dirixidos a xogadores e xogadoras a partir dos 15 anos. No caso do tenis, os participantes disporán dun sistema de horarios flexible para organizar os seus encontros, mentres que o campionato de pádel disputarase en horario de tarde e noite e contará con dúas categorías para adultos, diferenciadas segundo o nivel de xogo.

0.12140393257141