Carral prepárase para a súa tradicional tarde de Reis con cabalgata e festa infantil
Este domingo, 5 de xaneiro, Carral vivirá unha das citas máis agardadas do ano coa tradicional tarde de Reis. As Súas Maxestades de Oriente chegarán ao municipio para percorrer as súas parroquias a partir das 15:30 horas, cumprindo cos desexos dos máis pequenos e pequenas.
O itinerario comezará na Urbanización O Xalo e pasará por locais sociais, parques e cruces das diferentes parroquias, incluíndo Cabrois, Quembre, Tabeiao, Barcia, Gosende, A Cabra, Sergude, O Canedo, San Vicente, As Travesas, Cañás e Veira. A cabalgata culminará en Carral ás 19:00 horas, coa chegada ao pavillón do Espiño.
A partir das 18:00 horas, o pavillón acollerá unha gran festa infantil con inchables, xogos, animación, música, doces e a tradicional degustación de roscón de Reis e chocolate quente para todos os asistentes. Tamén será unha oportunidade para que a rapazada entregue as súas cartas aos Reis Magos, que estarán dispoñibles para recibir os seus desexos.
O percorrido polas parroquias estará suxeito ás condicións meteorolóxicas. No caso de cancelacións, o Concello avisará a través das súas canles habituais de comunicación.