Carral pon en marcha campamentos deportivos de Nadal para facilitar a conciliación de máis de 20 familias

O Concello de Carral iniciou esta semana os seus campamentos deportivos de Nadal, unha proposta pensada para apoiar a conciliación familiar durante o período de vacacións escolares. A actividade, que xa está en marcha no CEIP Plurilingüe Vicente Otero Valcárcel, conta coa participación de máis dunha vintena de nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e os 11 anos.
O programa arrancou o luns e prolongarase ata o 5 de xaneiro, mantendo o servizo tamén en xornadas sinaladas destas festas. En concreto, haberá campamento mañá, mércores 24 de decembro, e o venres 26. A próxima semana, a iniciativa continuará o luns 29, o martes 30 e o mércores 31 de decembro. Xa en xaneiro, está previsto que se desenvolva os días 2 e 5.
O horario ordinario de atención é de 10.00 a 14.00 horas, aínda que o Concello ofrece a posibilidade de ampliar a cobertura con dous servizos complementarios: o de madrugadores, dispoñible desde as 7.30 horas, e o de comedor, operativo de 14.00 a 16.00 horas. Deste xeito, as familias poden adaptar a xornada ás súas necesidades laborais e persoais durante unhas datas nas que moitos fogares precisan alternativas de coidado.
En canto aos contidos, o campamento combina actividade física e propostas lúdicas. Ao longo das distintas sesións, os participantes toman parte en talleres de decoración de Nadal e en dinámicas deportivas e socioculturais, co obxectivo de fomentar hábitos saudables, a convivencia e o entretemento nun entorno seguro e organizado. A iniciativa enmárcase nas accións municipais dirixidas a ofrecer recursos de apoio ás familias e a manter unha programación para a infancia tamén durante o período festivo.