Carral organiza un ano máis o concurso 'Tapeando Carral' para saborear os produtos locais
Carral organiza un ano máis o seu tradicional concurso gastronómico 'Tapeando Carral', unha iniciativa coa que o Concello busca dinamizar o tecido hostaleiro e poñer en valor a riqueza culinaria local. Esta edición terá lugar do 5 ao 8 de decembro e contará coa participación de dez establecementos de todo o municipio.
O goberno local destacou a importancia deste evento para promover o consumo na vila antes da campaña do Nadal. “O noso obxectivo é que a veciñanza e visitantes desfruten desta cita e que isto sirva como un impulso económico para os nosos negocios”, subliñaron fontes municipais.
Os locais participantes nesta edición son Boca Grande, Pizzería Centro, Bar Tropezón, Bar Adolfo, Vinoteca A Taberna XXI, Dopincho, Terra, O Lareiras, A Parola e Costa da Egoa. Cada un deles elaborará propostas que se poderán degustar nos seguintes horarios:
- O xoves, a partir das 20:00 horas.
- O venres e sábado, en horario de mañá (12:30 a 15:30) e de tarde-noite (20:00 a 23:00).
- O domingo, de 12:30 a 15:30 horas.
Premios para os mellores sabores e a fidelidade dos comensais
O certame contará con recoñecementos tanto para os establecementos como para o público. Os locais competirán polos premios á Tapa Máis Popular, que decidirán os asistentes coas súas votacións, e á Mellor Tapa, seleccionada por un xurado profesional.
Os comensais tamén poderán optar a premios segundo o número de selos que reúnan nos seus cupóns, entregados ao visitar os locais participantes. Haberá tres categorías de agasallos segundo se complete o 100%, o 75% ou o 50% dos selos. O sorteo realizarase o 20 de decembro ás 20:00 horas.
Colaboracións destacadas
O evento conta co apoio de empresas como Estrella Galicia, Exclusivas Rivas Suárez, Jamones y Embutidos Elote e Bodegas As Laxas, que un ano máis se implican na promoción da gastronomía local e no apoio á hostalería de Carral.
Unha oportunidade única para desfrutar de boa comida e ambientar o inicio das festas do Nadal na vila.