Carral lanza os campamentos deportivos de verán con máis de mil prazas

O Concello de Carral volverá poñer en marcha este verán unha nova edición dos seus campamentos deportivos, unha iniciativa xa consolidada que busca ofrecer unha alternativa de lecer activo para a rapazada ao tempo que facilita a conciliación das familias durante as vacacións escolares.
A actividade desenvolverase entre o 23 de xuño e o 29 de agosto, con 1.020 prazas destinadas a nenos e nenas de entre 3 e 11 anos. O prazo de inscrición abrirá o luns 26 de maio ás 9.00 horas e rematará o 6 de xuño ás 14.00 horas. As familias poderán tramitar a súa solicitude a través da sede electrónica ou presencialmente no rexistro municipal.
Os campamentos terán lugar no CEIP Plurilingüe Vicente Otero Valcárcel e no seu contorno, de luns a venres (agás festivos), cun horario amplo que vai das 7.30 ás 16.00 horas. Entre as 7.30 e as 10.00 horas funcionará o servizo de madrugadores; entre as 10.00 e as 14.00 horas realizaranse as actividades do campamento; e entre as 14.00 e as 16.00 horas, o servizo de comedor. Nos servizos de madrugadores e comedor prestarase atención aos nenos e nenas, que deberán levar a súa propia comida.
Ao longo das dez semanas de duración, os participantes poderán practicar diferentes modalidades deportivas, moitas delas vencelladas co tecido deportivo local. Ademais, programaranse actividades en contacto coa natureza para fomentar o coidado do medio e tamén haberá xogos e excursións.
As prazas distribuiranse do seguinte xeito: as catro primeiras semanas contarán con 120 prazas cada unha, mentres que nas seis semanas restantes haberá 90 prazas por semana. A adxudicación realizarase por orde de inscrición, tendo prioridade os menores empadroados en Carral ou matriculados nos centros educativos do municipio.
As bases e a ficha de inscrición xa están dispoñibles para a súa consulta na páxina web municipal. Un ano máis, Carral aposta por un verán activo, educativo e conciliador para as familias do municipio.