Carral investirá 124.938 euros para renovar o equipamento do Complexo Deportivo

Carral contará proximamente cun Complexo Deportivo máis moderno, completo e adaptado ao crecente número de persoas usuarias. O Concello destinará 124.938,91 euros á renovación do equipamento deportivo, unha actuación que permitirá incorporar novas máquinas e material para diferentes modalidades de adestramento.
A inversión permitirá dotar o ximnasio de novas cintas de correr, bicicletas estáticas e de ciclo indoor, máquinas elípticas, remos, prensas e bancos de musculación. Tamén se incorporará unha estación multifunción, equipamento de peso libre e diverso material destinado ao adestramento funcional.
A actuación responde á necesidade de substituír parte da maquinaria actual, que presenta un importante desgaste tras anos de uso intensivo. O obxectivo é ofrecer unhas instalacións deportivas á altura da demanda existente no municipio e mellorar as condicións para a práctica deportiva.
O concelleiro de Deportes, Óscar Bodelo, salienta que esta renovación permitirá a Carral "dispoñer dunhas instalacións para a práctica deportiva á altura do crecente interese existente en Carral e, sobre todo, do elevado número de usuarios e usuarias do Complexo".
Os fondos necesarios para acometer a adquisición procederán do remanente de tesourería. A compra do novo equipamento será posible despois de que o Concello aprobase en xullo unha modificación de crédito para destinar arredor de 800.000 euros do remanente a diferentes investimentos considerados estratéxicos, entre eles a mellora do Complexo Deportivo.
O remate dun proxecto de modernización
A incorporación das novas máquinas servirá como broche final a un amplo proxecto de renovación do recinto, cuxos traballos concluíron no mes de xullo.
A intervención permitiu ampliar o ximnasio en preto de 100 metros cadrados e crear unha nova sala de 150 metros cadrados destinada a actividades dirixidas. Tamén se reorganizaron os diferentes espazos co obxectivo de optimizar a súa funcionalidade e facilitar o uso das instalacións.
A renovación incluíu ademais a substitución integral do sistema de iluminación por tecnoloxía LED, así como traballos de pintura, a instalación de nova sinalización e vinilos e unha mellora xeral da imaxe do recinto.
O alcalde de Carral, José Luis Fernández Mouriño, e o concelleiro de Deportes, Óscar Bodelo, destacan que estas actuacións permitirán completar a modernización do Complexo Deportivo e dotar o municipio dunhas instalacións deportivas de "primeiro nivel".