Carral inaugura o centro tecnolóxico AMIGA SPACE

ACoruñaXa
Carral acolleu onte a inauguración do Centro AMIGA SPACE, un novo espazo formativo e tecnolóxico no que se realizarán cursos especializados en animación e produción 3D e videoxogos.
CARRAL-AMICA 1
CARRAL-AMICA 1
20 ene 2024

Carral acolleu onte a inauguración do Centro AMIGA SPACE, un novo espazo formativo e tecnolóxico no que se realizarán cursos especializados en animación e produción 3D e videoxogos. Ao evento acudiron o alcalde, Javier Gestal, e o concelleiro de Cultura, Francisco Bello.

Esta  instalación pioneira en Galicia xurdiu como froito da colaboración entre o Concello, que cedeu o espazo, e a asociación cultural Animación Made in Galicia (AMIGA). As persoas que acudiron á inauguración puideron ver en exclusiva a curtametraxe que se rodou durante o período estival no centro, 'Avetimología', dirixida por Xosé Zapata e que será a primeira de moitas. Ademais, tamén se proxectou ‘Cardoña fotos a 7 pesetas’, de Carlos Lorenzo, e fíxose unha pequena exposición.

O centro de divulgación da animación, dirixido polo director e produtor Xosé Zapata, servirá de encontro para empresas, creativos e institucións que impulsen a innovación e o desenvolvemento da Imaxe Dixital. Para elo, conta con aproximadamente 600 metros cadrados e catro aulas: un laboratorio preparado para stop motion e stays craft, un estudo de produción de animación, un espazo de coworking aberto a todas as persoas cun proxecto que o necesiten e unha aula. Ademais, conta cunha sala de proxeccións.

Un dos seus obxectivos principais é ser una lugar de intercambio de información entre profesionais do sector e os estudantes. Así o asegurou Laura Zapata, unha das súas impulsoras: “Pretendemos que haxa interacción entre eles e se xere un punto de encontro no que poidan incubar proxectos e que poidan encontrar entre eles outras persoas cos mesmos intereses e así crear sinerxías.

Pola súa parte, o alcalde de Carral asegurou que “é un orgullo poder contar na vila cun estudo destas dimensións, que permitirá situarnos un chanzo máis arriba neste eido e que, sen dúbida, atraerá a empresas e traballadores deste sector ata o noso municipio”.

Unha formación nova en Galicia

De feito, o centro comezará ofrecendo un máster ata agora inexistente en Galicia en Blender, programa que está a ser moi empregado en películas de animación. As clases, que serán presenciais no propio centro e incluirán algunha online con outros centros de Madrid, darán comezo a vindeira semana e conta con 10 alumnos e alumnas.

Ademais, na súa grella contará coa participación dun especialista de dry special de Arxentina e cun dos gañadores dos premios Goya. De cara aos futuros proxectos, Zapata adiantou que “temos pensado facer un de stop motion e outro de introdución á animación”.