Carral impulsa unha modificación na ordenanza de ocupación da vía pública

ACoruñaXa
O obxectivo desta medida é bonificar o 100 % da taxa ás entidades e comisións de festas que realicen actividades sen ánimo de lucro en espazos públicos do municipio
concello carral
11 Out 2024

O alcalde de Carral, Javier Gestal, anunciou durante o pleno extraordinario celebrado a petición do PP de Carral, que o Goberno local impulsará unha modificación na ordenanza de ocupación da vía pública. O obxectivo desta medida é bonificar o 100 % da taxa ás entidades e comisións de festas que realicen actividades sen ánimo de lucro en espazos públicos do municipio.

Gestal explicou que, en liña coas directrices da área de Tesouraría, este ano o Concello cobrou ás comisións de festas a taxa correspondente establecida na ordenanza. No entanto, o alcalde asegurou que "analizaremos cos servizos técnicos municipais cal é a vía máis axeitada para suspender estes cobros e facer que as comisións de festas non teñan que aboar estas taxas no futuro". Esta era unha das peticións formuladas polo Partido Popular, que tamén solicitaba facilitar os trámites a estas agrupacións.

O rexedor tamén aclarou que se esixiron ás comisións os trámites establecidos pola lei e que "se lles brindou toda a axuda necesaria para completar a documentación". Aproveitando o pleno extraordinario, o goberno local celebrou previamente unha sesión na que se aprobou a conta xeral de 2023. Os dereitos recoñecidos netos ascenden a 5.696.588,16 euros, mentres que as obrigas recoñecidas netas foron de 5.350.765,29 euros. O remanente de tesouraría sitúase en 401.133,93 euros.

Segundo explicou o alcalde, estas cifras demostran "o importante esforzo de consolidación orzamentaria que realizamos nos últimos anos, co que conseguimos sanear as contas económicas do Concello". O documento foi aprobado co voto favorable de Alternativa dos Veciños e coa abstención do resto dos grupos da corporación (PP de Carral, PSOE e o concelleiro non adscrito).

0.18391084671021