Carral estuda melloras na rede de saneamento de San Vicente e Cañás

ACoruñaXa
O obxectivo é renovar ambas as redes para que as augas residuais cheguen á depuradora de San Vicente, que xa conta con capacidade abonda
medidas saneamento Carral
19 Oct 2026

O Concello de Carral traballa en varios proxectos encamiñados a mellorar a rede de saneamento do municipio, en concreto nas parroquias de San Vicente e Cañás. A iniciativa pretende renovar ambas as infraestruturas para que, unha vez actualizadas, poidan conducir as augas residuais cara á estación depuradora de San Vicente, que xa dispón da capacidade precisa para asumir ese caudal.

Estes plans municipais foron expostos nun encontro mantido en Santiago de Compostela entre o alcalde de Carral, José Luis Fernández Mouriño, e a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez. Durante a cita, o rexedor trasladou á conselleira o estado dos proxectos que estuda o Concello para dar resposta ás necesidades de saneamento de ambas as parroquias.

Pola súa banda, Vázquez explicou que o persoal técnico de Augas de Galicia analizará as propostas presentadas polo Concello co fin de valorar a súa viabilidade técnica, ademais de explorar posibles fórmulas de colaboración para o seu financiamento.

Neste sentido, cómpre lembrar que as competencias en materia de saneamento, depuración e abastecemento de auga corresponden aos concellos. Con todo, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, ofrece apoio técnico e económico aos concellos galegos, co fin de facilitar que poidan desenvolver estas competencias do xeito máis eficiente e garantir así un servizo de calidade á veciñanza.

0.14603614807129