Carral despide o verán cunha chea de actividades para os máis cativos

ACoruñaXa
O Concello de Carral despide a tempada estival cunha festa da auga, actividades lúdicas e un torneo de xadrez que reunirá xogadores de toda Galicia
Imaxe dunha festa de espuma
28 Ago 2024

O Concello de Carral clausurará este venres, 30 de agosto, os cursos de natación que se impartiron ao longo deste mes nas piscinas municipais. Nesa xornada especial, os 61 nenos e nenas de entre 3 e 13 anos que participaron nas clases poderán desfrutar de diversas actividades e xogos lúdicos.

As clases, divididas en grupos por idades e nivel de habilidade (iniciación e perfeccionamento), foron impartidas por monitores especialistas coa presenza continua dun socorrista, garantindo así a seguridade dos participantes. As sesións tiñan unha duración de 45 minutos e permitiron aos pequenos mellorar as súas habilidades acuáticas ao longo do mes.

Ese mesmo día tamén terá lugar a clausura dos campamentos de verán, que se desenvolveron desde o 1 de xullo e contaron cunha participación de arredor de 110 nenos e nenas por semana. Durante dous meses, os participantes desfrutaron dunha ampla variedade de actividades deportivas e recreativas nas diferentes instalacións municipais, como o colexio Vicente Otero Calcárcel, o local interxeracional, as piscinas municipais, o complexo deportivo de Paleo e a área recreativa da Brexa.

Festa da Auga e Torneo de Xadrez para despedir a tempada estival

O sábado, 31 de agosto, Carral acollerá a cuarta edición da Festa da Auga, que se celebrará nas piscinas municipais para pechar a tempada de verán, cuxo final está previsto para o 8 de setembro. A actividade, de acceso libre, terá lugar de 16.00 a 20.00 horas e incluirá inchábeis e unha festa da escuma, que promete ser o broche final perfecto para despedir o verán.

Para garantir a seguridade dos asistentes, reforzarase o servizo de socorrismo, e estarán presentes o servizo municipal de emerxencias e a agrupación de voluntarios de Protección Civil.

De maneira simultánea, no pavillón de Espiño desenvolverase a undécima edición do Torneo de Xadrez de Verán, de 16.00 a 20.30 horas. Espérase a participación duns 60 xogadores de toda Galicia, repartidos en catro categorías: absoluta, sub14, sub10 e local. Os tres mellores de cada categoría recibirán un trofeo, nunha competición que contará con sete roldas e un árbitro federativo.

Con estas actividades, o Concello de Carral pecha un verán repleto de propostas lúdicas e deportivas para os máis novos, apostando por un lecer activo e saudable.

0.18563508987427