Carral crea un novo espazo para compartir experiencias sobre crianza en comunidade

ACoruñaXa
O primeiro 'Encontro Crianza' será este sábado 26 de setembro no Centro Social de Ans e estará centrado no porteo e na creación de redes de apoio entre familias
PORTEO BEBE
23 Sep 2026

O Centro Social de Ans, en Carral, acollerá este sábado, 26 de setembro, ás 10.30 horas, o primeiro 'Encontro Crianza', unha proposta pensada para crear un espazo de encontro entre familias no que compartir experiencias, resolver dúbidas e falar sobre diferentes aspectos relacionados coa crianza.

A iniciativa parte de Soavilarural, en colaboración co Concello de Carral e Santa Rosa, e busca favorecer unha crianza compartida e a creación de redes de apoio entre as persoas participantes.

Nesta primeira xornada, o tema central será o porteo. Cata, unha das participantes no encontro, compartirá a súa experiencia tras utilizar este sistema co seu pequeno desde o nacemento, nunha conversa aberta na que outras familias poderán achegar as súas propias vivencias e preguntas.

A proposta está especialmente pensada para crear un ambiente participativo, no que as familias poidan falar das cuestións que lles preocupan e intercambiar coñecementos desde as experiencias do día a día.

Un encontro tamén para probar o porteo

As persoas que xa empreguen sistemas de porteo poderán acudir co seu propio portabebés. O obxectivo será aproveitar o encontro para poñer en común dúbidas e buscar respostas sobre o seu uso.

A actividade pretende tamén ir máis alá do tema concreto do porteo e converterse nun punto de encontro para familias que buscan compartir a crianza e contar cunha rede próxima de apoio.

As prazas son limitadas e é necesario inscribirse previamente enviando un correo electrónico a soavilarural@gmail.com, indicando como asunto 'ENCUENTRO CRIANZA'.

O encontro desenvolverase no Centro Social de Ans (Carral) a partir das 10.30 horas deste sábado 26 de setembro.

0.13752388954163