Carral conmemora o 8M co ‘Premio 8 de marzo’ que galardoa o papel das mulleres do municipio
O Concello de Carral pon en marcha, un ano máis, o ‘Premio 8 de marzo’, un galardón co que se busca dar recoñecemento e valor social ás mulleres do municipio e reivindicar o seu papel na sociedade ao longo dos anos.
Os veciños e veciñas serán os encargados de propoñer ás mulleres ou grupos de mulleres do municipio para a concesión do galardón.
Deste xeito, a votación é pública e aberta a todas as persoas a través da aplicación workchecking.com, á que a xente poderá acceder a través da páxina web municipal. O número de votos de cada proposta tamén será público, podendo facerse un seguimento nesta mesma canle.
Os usuarios e usuarias deberán indicar o nome da muller e o motivo da súa elección. O prazo de presentación e votación rematará o vindeiro 6 de marzo.