Carral celebra o venres e o sábado as 'XVII Xornadas de Recuperación da Memoria Histórica'

ACoruñaXa
A Casa da Cultura acolle dúas sesións sobre o impacto do fascismo no maxisterio galego e as memorias dun preso republicano, organizadas pola Asociación Cultural Cultura Aberta
cultura aberta carral, xornadas memoria histórica
28 Nov 2024

A Casa da Cultura de Carral será escenario este venres 29 e sábado 30 de novembro das XVII Xornadas de Recuperación da Memoria Histórica. Este evento, organizado pola Asociación Cultural Cultura Aberta en colaboración co Concello de Carral, a Deputación da Coruña e a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH), pon o foco na represión franquista e na recuperación de historias esquecidas.

O venres, ás 21:00 horas, Narciso Antonio De Gabriel Fernández, Catedrático de Teoría e Historia da Educación na Universidade da Coruña, abrirá as xornadas coa charla titulada “Os mestres mortos daquel verán: Ramón Amadeo Figueroa Vilachá”. A intervención abordará a represión sufrida por doce mestres galegos durante a Guerra Civil e a posguerra, entre os que destaca Ramón Amadeo Figueroa Vilachá, natural de Segude (Carral).

O profesor De Gabriel ofrecerá unha reflexión profunda sobre como o fascismo dirixiu a súa violencia contra os mestres por seren defensores da laicidade, a intelixencia e a renovación pedagóxica. Este relatorio é tamén unha homenaxe á memoria de profesionais como María Vázquez Suárez, asasinada na praia de Bañobre (Miño), e Francisco Ponzán Vidal, executado polos nazis preto de Toulouse.

O sábado 30 de novembro, ás 19:00 horas, o investigador Luís Lamela protagonizará a segunda sesión das xornadas coa presentación do libro “Os anos de guerra e a prisión provincial da Coruña. Memorias dun recluso: Domingo Quiroga Ríos”.

Estas memorias, recollidas polo fillo do recluso, Héctor Quiroga, son un testemuño impactante sobre a vida na prisión provincial coruñesa durante a Guerra Civil e os primeiros anos do franquismo. Domingo Quiroga Ríos, masón e republicano, deixou reflectida unha realidade marcada polo sufrimento e a loita pola dignidade.

As dúas sesións están abertas ao público e pretenden non só honrar a memoria das vítimas da represión, senón tamén fomentar unha reflexión crítica sobre a historia recente de Galicia.

0.15601706504822