Carral asina un novo contrato para o Servizo de Axuda no Fogar
O Concello de Carral formalizou o pasado mércores, 15 de xaneiro, a sinatura do novo contrato para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF). O acto contou coa presenza do alcalde, Javier Gestal, e do representante da empresa adxudicataria, AZVASE S.L.
O novo contrato terá unha duración inicial de dous anos, prorrogable por un terceiro, e un orzamento total de 1.604.730,40 euros, que inclúe o IVE. Este acordo asegura a prestación de 33.500 horas anuais do servizo, distribuídas en 24.500 horas para a modalidade de dependencia e 9.000 horas para libre concorrencia, cun custo por hora de 23,94 euros.
A firma do contrato supón a finalización da colaboración coa empresa A0 Mayores Servicios Sociales, que ata agora xestionaba o servizo. O alcalde agradeceu “a boa disposición e xestión desta empresa, así como o compromiso do seu xerente, Miguel Ángel Vilas”.
Regularización do SAF
O alcalde destacou que, no ano 2019, cando o actual equipo de goberno tomou posesión, o SAF atopábase en precario, sendo xestionado por catro empresas diferentes. “Unha das nosas prioridades foi regularizar o servizo e, no ano 2021, logramos licitalo tras case dúas décadas sen regularización. Agora, cumprimos a nosa palabra ao formalizar un novo contrato que supón un investimento superior ao anterior”.
A concelleira de Servizos Sociais, Inmaculada Mantiñán, tamén salientou o traballo realizado por todo o equipo implicado, tanto desde o departamento de Servizos Sociais como desde a secretaría do Concello e os asesores técnicos. “Os Servizos Sociais son un dos piares fundamentais do noso proxecto de goberno, atendendo ás persoas en situación de vulnerabilidade e necesidade”, concluíu.