Carral abre o prazo de solicitude para as cacharelas, sardiñadas e churrascadas de San Xoán
O Concello de Carral vén de informar que admitirá solicitudes para a realización de cacharelas, sardiñas ou churrasco na noite de San Xoán en espazos públicos e privados ata o xoves, 20 de xuño, ás 13.00 horas.
Ao final da celebración, que deberá ser ás 3.30 horas, os responsables de cada lumarada deberán encargarse do apagado e limpeza da súa zona antes do transcurso de 24 horas.
Neste sentido, a veciñanza que desexe realizar cacharelas, sardiñas ou churrasco en espazos públicos deberá presentar a súa solicitude, que deberá contar co DNI da persoa responsable maior de idade e o lugar de emprazamento.
Do mesmo xeito, aquelas persoas interesadas en facer unha pequena fogueira nun espazo privado deberán presentar unha comunicación previa.
En todo caso, as persoas responsables deberán ter en conta as seguintes restricións e normativa:
- As cacharelas non poderán ter unha altura superior á permitida pola Policía Local, duns 2,5 metros, que poderá efectuar inspeccións durante a celebración. Ademais, a cachela deberá gardar unha distancia mínima de 15 metros respecto a colectores, vehículos ou vivendas e queda prohibido que estea baixo tendidos eléctricos ou telefónicos.
- Respecto aos emprazamentos, quedan prohibidas as prazas públicas, beirarrúas ou calquera superficie que poida sufrir danos. Tamén o uso de combustibles, acelerantes ou queimas de substancias ou elementos tóxicos.
As autorizacións só servirán para a noite do 23 ao 24 de xuño e a celebración rematará ás 3.30 horas da madrugada. Os responsables das lumaradas deberán coidar que estean totalmente apagadas e limpar o espazo antes do paso de 24 horas.