Carral abre o prazo de solicitude das bolsas de estudos

ACoruñaXa
O Concello destina 10.000 euros a estas axudas, coas que se busca colaborar coas familias á hora de sufragar os gastos derivados dos estudos
Imaxe recurso estudos
Imaxe recurso estudos
18 abr 2024

Os veciños e veciñas de Carral poderán tramitar desde hoxe, xoves 18 de abril, a solicitude de bolsas educativas municipais. Con esta medida, o Concello destinará 10.000 euros dirixidos a alumnos e alumnas de diferentes etapas educativas e que estean matriculados durante o curso 2023/2024.

O obxectivo desta liña é colaborar coas familias do municipio, axudándoas a afrontar os gastos derivados dos estudos de 2º ciclo de educación infantil, educación postobrigatoria (ciclos formativos, bacharelato ou similares), formación profesional e de estudos universitarios oficiais.

No caso de infantil, destinarase unha contía de 3.600 euros. Cada persoa beneficiaria recibirá unha cantidade mínima de 30 euros e un máximo de ata 70 euros.

Para a formación postobrigatoria e formación profesional básica, a partida será de 3.000 euros. Establécese un mínimo de 40 euros por persoa beneficiaria e un máximo de 150.

Por último, a liña dedicada a estudos universitarios ascenderá a 3.400 euros. Cada usuario poderá recibir un mínimo de 50 euros e un máximo de 200 euros.

Todas as persoas interesadas en recibir máis información deberán contactar co departamento de Educación do Concello de Carral no teléfono 981 61 35 20.