Carral abre o prazo de inscrición para a Cabalgata de Reis 2025

ACoruñaXa
Os menores nados entre 2016 e 2018 poderán participar como figurantes no percorrido do 5 de xaneiro
carral cabalgata reis
5 Dec 2024

O Concello de Carral inicia hoxe o prazo de inscrición para participar como figurantes na Cabalgata de Reis 2025, que terá lugar o 5 de xaneiro. Poderán inscribirse todos os nenos e nenas menores de idade nados entre os anos 2016 e 2018, con preferencia para aqueles empadroados no municipio.

As solicitudes poderán presentarse ata o 18 de decembro ás 15:00 horas no rexistro municipal ou a través da sede electrónica do Concello. O número de prazas dispoñibles será de 15, e en caso de que o número de solicitudes supere esta cifra, realizarase un sorteo público o 27 de decembro.

Os interesados deberán cubrir unha solicitude específica dispoñible na web municipal, no rexistro municipal, na Casa da Cultura e no Local Interxeracional. O formulario inclúe a autorización para que os participantes poidan ser fotografados e gravados durante o evento, co obxectivo de divulgar a celebración da Cabalgata.

A duración do percorrido da Cabalgata será de aproximadamente 20 minutos, rematando no Campo da Feira ao redor das 19:00 horas, onde os menores serán recollidos polos seus familiares. A participación implicará a aceptación das bases reguladoras publicadas na web oficial do Concello de Carral.

 

⚙ Configurar cookies
0.21894383430481