Carral abre o prazo da 27º edición do seu Premio de Poesía

ACoruñaXa
Os escritos deberán ser orixinais, inéditos e estar escritos en galego. A obra gañadora será publicada en edicións Espiral Maior
Certame Poesía Concello Carral
Certame Poesía Concello Carral
8 feb 2024

O departamento de Cultura do Concello de Carral acaba de convocar a 27º edición do seu Premio de Poesía. Coa celebración deste certame, un dos de maior traxectoria de Galicia, búscase seguir contribuíndo a fornecer o sistema literario galego, difundir este xénero literario entre a veciñanza, descubrir novos valores da literatura de Galicia ou consolidar a escritores e escritoras que contan xa cunha obra publicada.

Aqueles autores e autoras interesados en enviar os seus manuscritos poderán facelo ata o 31 de marzo. Os escritos deberán ser orixinais e inéditos, tendo que estar escritos en galego e cunha extensión mínima de 500 versos. Tras a deliberación do xurado, concederase o premio, consistente en 3.500 euros e a publicación da obra gañadora na editora edicións Espiral Maior.

O acto de entrega do galardón levarase a cabo o 31 de maio e servirá, non só para conceder o recoñecemento desta 27º edición, senón tamén para presentar ao gañador do 2023: Ciro Briones, co seu poemario Oídos de espeleóloga.

A programación do certame está realizada coa colaboración da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.