Carolina Iglesias celebra o Día do Libro cunha firma da súa primeira novela en Marineda City

Carolina Iglesias regresará á súa terra o vindeiro 23 de abril para participar nunha sinatura de exemplares da súa primeira novela, 'Para sempre é moito tempo', en Marineda City. A cita, organizada con motivo do Día do Libro, desenvolverase a partir das 19.30 horas na planta 1 do centro comercial, na zona de Deportienda.
A autora, natural de Oleiros e coñecida tamén polo seu traballo como humorista e comunicadora, protagonizará así un encontro coas persoas lectoras nunha data especialmente vencellada á promoción da lectura. O acto permitirá ao público achegarse á escritora e conseguir o libro asinado.
Iglesias deu o salto a unha gran popularidade como cocreadora de 'Estirando el chicle', un dos podcast máis recoñecidos do panorama estatal, co que acadou importantes cifras de audiencia e galardóns como o Premio Ondas. Nos últimos anos consolidou tamén a súa presenza en radio, televisión e escenarios de toda España.
A sinatura chegará ademais nun momento de forte exposición pública para a creadora galega, que mantén en marcha distintos proxectos no ámbito do humor e da comunicación. Entre eles figura 'Ni tan bien' e os espectáculos vinculados ao universo de 'Estirando el chicle'.
Con esta convocatoria do Día do Libro, Marineda City incorpora á súa programación unha proposta centrada nunha das voces galegas con maior proxección no ámbito do entretemento e da creación contemporánea.