Carolina Darias e Inés Rey apostan polas persoas como exe de transformación urbana
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, recibiu esta fin de semana en María Pita á súa homóloga na cidade de Las Palmas de Gran Canaria, Carolina Darias. No encontro, puxeron en común as principais liñas de actuación en materia social urbanística e medioambiental que se están desenvolver nos dous concellos.
As dúas alcaldesas incidiron, ademais, na importancia de naturalizar e reverdecer as cidades coa fin de facelas máis habitables. Na Coruña, esta estratexia contempla, de cara a este ano, a posta en marcha das obras para a creación do parque do Vixía, no barrio de Monte Alto, e o inicio da segunda fase de traballos para a renovación do parque de Santa Margarida.
A necesidade dun plan de saúde mental
Inés Rey e Carolina Darias tamén abordaron a creación de vivendas públicas para facilitar o seu acceso a persoas vulnerables. Neste campo na Coruña atópase en proceso a construción dun edificio con cinco vivendas sociais entre as rúas Marqués de Pontejos e San Nicolás.
Doutra banda, tamén se tratou a posta en marcha dun Plan de Saúde Mental, unha cuestión que para ambas alcaldesas debe ser prioritaria para todas as Administracións públicas. Ao que Inés rey sinalou que: "Traballar na prevención, promoción e atención á saúde mental esixe facelo desde unha perspectiva de proximidade, estando preto das persoas, e este compromiso é compartido polos concellos da Coruña e Las Palmas de Gran Canaria".