Carmen Calvo presentou o seu ensaio 'Nosotras. El feminismo en democracia' na Fundación Luis Seoane

ACoruñaXa
A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Nereida Canosa, introduciu a presidenta do Consello de Estado e autora do libro, destacándoa como unha “figura clave” no feminismo contemporáneo en España
Imaxe da presentación do libro de Carmen Calvo na Coruña
5 Nov 2024

A Fundación Luís Seoane acolleu na tarde deste luns a presentación do ensaio ‘Nosotras: El feminismo en la democracia’, de Carmen Calvo. Con este evento, que inclúe unha charla-coloquio coa autora, o Concello da Coruña da comezo ás actividades organizadas con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

Durante a presentación, a concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Nereida Canosa, eloxiou a Carmen Calvo como “unha figura clave no feminismo contemporáneo en España e unha das voces máis influentes no debate sobre a igualdade e os dereitos das mulleres”. Na súa intervención, Canosa subliñou que o feminismo debe ser entendido como un principio democrático fundamental. “Como explica Carmen no seu libro, o concepto de cidadanía está incompleto se non abrangue a todos e todas en igualdade de condicións”, afirmou a concelleira.

Carmen Calvo, pola súa parte, detallou que o obxectivo do seu libro é explicar a historia do feminismo a través da súa propia experiencia, enriquecida por décadas de traballo en favor da igualdade. “O feminismo é unha causa común porque non somos un singular; somos o gran plural da historia humana”, expresou a ex vicepresidenta.

Calvo tamén abordou temas clave da súa obra, como a reformulación do machismo e as diversas formas de violencia contra as mulleres, dedicando un capítulo á importancia da autonomía corporal feminina. “Trátase de ser donas dos nosos corpos, de poder desenvolver unha existencia como cidadás libres, en condicións de igualdade cos homes”, destacou a autora.

O evento pechou cunha rolda de preguntas e reflexións entre a autora e o público, marcando o inicio dunha serie de actividades que reforzan o compromiso do Concello da Coruña coa loita pola igualdade.

 

0.16420602798462