Carlos Callón, a CTNL, A Gramola Gominola e Vitamina G reciben os Premios Rosalía de Castro de Lingua

A Fundación Paideia acolleu este xoves a entrega dos XVII Premios Rosalía de Castro de Lingua da Deputación da Coruña, uns galardóns que recoñecen iniciativas, proxectos e traxectorias comprometidas coa promoción, defensa e dignificación da lingua galega.
Nesta edición, os premios recaeron no filólogo Carlos Callón, na categoría individual; na Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), na modalidade destinada a entidades; e nos proxectos A Gramola Gominola e Vitamina G, distinguidos ex aequo na categoría dedicada ás iniciativas de dinamización lingüística dirixidas á poboación máis nova.
O acto estivo presidido pola deputada de Lingua, Sol Agra, encargada de facer entrega dos galardóns nunha cerimonia que contou tamén coa actuación musical de Sheila Patricia. Durante a súa intervención, Agra destacou o compromiso das persoas e entidades premiadas coa defensa activa do galego e asegurou que “é un orgullo premiar a quen nos premia cada día coa defensa activa da nosa lingua, e para isto naceron estes premios Rosalía”.
A deputada felicitou os galardoados polo seu labor e pola súa contribución á promoción social do idioma, salientando a importancia de seguir traballando pola normalización lingüística. Neste sentido, agradeceu o esforzo de quen continúa impulsando o uso do galego en distintos ámbitos da sociedade, fronte ás dificultades e aos desafíos que afronta a lingua.
O xurado desta décimo sétima edición estivo integrado polas persoas premiadas na convocatoria anterior, Xosé Ramón Freixeiro Mato, Álvaro López García e Irma Silva Hervella, ademais da técnica de normalización lingüística da Deputación, Dores Sánchez, que exerceu como secretaria. En total, o certame contou con 31 candidaturas.
Na categoría destinada ás iniciativas de dinamización para a infancia e a mocidade, A Gramola Gominola e Vitamina G compartiron o premio, dotado con 5.000 euros, polo seu traballo de achegamento do galego ás novas xeracións mediante propostas innovadoras e atractivas.
Durante o acto, Sol Agra tamén puxo en valor o labor desenvolvido pola Área de Lingua da Deputación da Coruña e reivindicou a importancia do compromiso institucional para avanzar na normalización lingüística. A deputada lembrou o apoio económico que a institución provincial destina aos concellos para financiar persoal técnico de normalización lingüística, así como outras iniciativas orientadas á sensibilización social, á formación de neofalantes, á aprendizaxe do galego por parte de persoas migrantes e á eliminación de prexuízos arredor do idioma.
Os Premios Rosalía de Castro de Lingua consolidáronse ao longo dos anos como un dos principais recoñecementos ao traballo realizado en favor da lingua galega, distinguindo persoas, entidades e proxectos que contribúen á súa difusión, prestixio e uso social.