Cántigas da Terra recibe apoio provincial para reforzar o seu arquivo e a súa actividade cultural

A Deputación da Coruña puxo en valor o traballo desenvolvido por Cántigas da Terra na conservación e transmisión da memoria musical da cidade. A deputada de Cultura, Natividade González, visitou a sede da histórica entidade coruñesa, situada na rúa Ángel Rebollo, onde mantivo un encontro coa dirección da agrupación.
Durante a visita, González coñeceu parte do arquivo histórico da asociación e asistiu a un dos ensaios do coro. A entidade amosoulle tamén algúns dos fondos que conserva, nunha xornada na que se abordaron cuestións vinculadas ao desenvolvemento da cultura galega e ao papel das agrupacións tradicionais na súa preservación.
Cántigas da Terra conta con 110 anos de traxectoria e mantén un importante repertorio vinculado á música popular galega. A deputada destacou a continuidade da entidade e o seu labor na custodia dun patrimonio musical que recolle máis dun século de historia.
A agrupación recibiu este ano 15.000 euros en axudas provinciais. Desa cantidade, 4.500 euros corresponden ao programa FO214, destinado a investimentos culturais de corais polifónicas, bandas de música populares, entidades de música e baile tradicional galego e formacións musicais de grande formato da provincia.
A maiores, Cántigas da Terra obtivo outros 10.500 euros a través do programa FO213, unha liña orientada a financiar programación artística, actividades formativas e iniciativas culturais. A Deputación sinala que estas subvencións buscan apoiar tanto o funcionamento diario das entidades como as necesidades de investimento que lles permitan continuar coa súa actividade.
González subliñou tamén o papel destas agrupacións como espazos de formación, participación social e transmisión do patrimonio cultural galego. A deputada incidiu na importancia de respaldar proxectos que contribúan á diversidade cultural e faciliten o acceso á creación e á cultura en galego.