Candame estrea un novo parque infantil e unha zona biosaludable tras un investimento de 338.000 euros

O barrio de Candame conta xa cun novo parque infantil e unha zona biosaludable para adultos e persoas maiores. O Concello de Arteixo recepcionou as obras desta instalación, que supuxo un investimento de 338.000 euros e permitiu humanizar unha parcela de máis de 16.000 metros cadrados situada entre as rúas Aurelio Aguirre e Pastor Díaz.
O novo espazo incorpora doce elementos de xogo de última xeración, certificados conforme ás normas europeas de seguridade. Entre eles destacan un carrusel e un randeeiro combinado deseñados para facilitar que nenos e nenas con diferentes capacidades poidan xogar xuntos. A instalación tamén dispón de xogos musicais, tobogáns de ladeira e estruturas de cordas para trepar.
Todo o recinto conta cun peche perimetral de seguridade para protexer os usuarios do tráfico rodado das inmediacións. A intervención complétase cunha zona destinada ao descanso e á actividade física de adultos e persoas maiores, equipada con aparellos biosaludables como bicicletas estáticas e de brazos.
Este espazo dispón ademais dunha praza de estancia cuberta parcialmente por unha pérgola de madeira e aceiro, que proporciona sombra sobre a metade da súa superficie. O mobiliario inclúe bancos de formigón e madeira e mesas de deseño, ademais de novas redes de iluminación e rega e unha fonte de auga potable.
Segunda fase da urbanización de Candame
A actuación dá continuidade aos traballos de urbanización que o Concello finalizou a principios de 2025 neste barrio do núcleo de Arteixo, identificado urbanisticamente como Unidade de Actuación 3.
Ata entón, Candame carecía de beirarrúas, espazos verdes e mobiliario urbano. A primeira fase, cun orzamento de 524.000 euros, permitiu acondicionar as rúas Manuel Murguía, Rogelio Aguirre e Rosalía de Castro, incorporando novas beirarrúas, iluminación pública e elementos como bancos e papeleiras.
Coa recepción do parque infantil e da zona biosaludable queda completada esta segunda intervención, que amplía os espazos de convivencia e lecer ao aire libre para os distintos grupos de idade do barrio.