Cambre urbanizará o exterior do local social de Cela
A parroquia de Cela en Cambre era, ata o ano 2023, a única do municipio que carecía de local social. Esta demanda histórica resolveuse nese ano coa apertura do edificio sociocultural, que leva varios meses ao dispor dos veciños e veciñas. Agora, o Concello planea completar a funcionalidade e os servizos desta instalación cun proxecto de mellora da seguridade peonil e a accesibilidade na zona. As obras, valoradas en 104.704,65 euros, financiaranse con cargo ao Plan Único da Deputación da Coruña. As actuacións implicarán a urbanización da contorna, dotándoo de acceso peonil, prazas de aparcamento e novo mobiliario urbano.
Dunha banda, o fronte á cota de estrada resolverase coa creación dunha pequena praza que conectará co cruceiro, creándose, ademais, un aparcamento en batería. Na cota de implantación da construción levará a cabo o remate da urbanización con árbores e mobiliario urbano novo que potenciará a funcionalidade deste espazo exterior.
No lindero leste da parcela, o cal limita cun camiño veciñal, colocarase un elemento delimitador natural e realizarase a canalización das augas de escorrentía. Na zona oeste executarase un muro de contención de 1.85 metros e un noiro vexetal para salvar a diferenza de cota existente. Así mesmo, en leste mesmo lado instalaranse uns armarios para o uso dos usuarios e usuarias e dispoñerase unha zona de grelladas coa que se aumentará a funcionalidade do exterior.
Ademais, na zona posterior do edificio proxéctase tamén a construción doutro muro de contención como elemento de remate ás bancadas existentes creando, ademais, uns chanzos de acceso aos diferentes niveis e un noiro vexetal.