Cambre saca a licitación o subministro de combustible para edificios municipais

ACoruñaXa
O contrato terá unha duración de dous anos, con opción a dúas prórrogas dun ano cada unha, por un valor estimado de 176.119,94 euros
Imaxe do Concello de Cambre
20 Out 2024

O Concello de Cambre abriu o proceso de licitación para o subministro de combustible en edificios municipais, despois de ter licitado recentemente o servizo de subministro para vehículos e maquinaria municipal. Segundo anunciou a alcaldesa, María Pan, esta iniciativa forma parte do compromiso do goberno local por actualizar servizos que se atopan en situación de precariedade: "volvemos deixar claro o noso compromiso por pór ao día os servizos que na actualidade se atopan en precario, un obxectivo no que levamos meses traballando e que comeza xa a dar os seus froitos", afirmou a rexedora.

Na actualidade, tanto o subministro de combustible para vehículos e maquinaria como para as instalacións municipais realízase mediante contratos ponte. Porén, unha vez adxudicados os novos contratos, ambos os dous servizos quedarán garantidos por un período de dous anos, con opción de dúas prórrogas dun ano cada unha.

O expediente de licitación, cun valor estimado de 176.119,94 euros, divídese en dous lotes: o primeiro, para o gasóleo destinado a instalacións térmicas e grupos electróxenos en edificios municipais; o segundo, para o subministro de propano comercial GLP en bombonas, utilizado nas instalacións térmicas das dependencias municipais.

Este contrato cubrirá o consumo de diversos edificios e instalacións, incluíndo a Casa Consistorial, o centro de saúde de Cambre, o Centro Municipal de Formación, a estación de bombeo de O Caneiro e os campos de fútbol de Once Cabaleiros e Os Pinares de Brexo-Lema.

 

0.20415902137756