Cambre retoma o programa Píllara para promover a educación familiar e a inclusión social
O Concello de Cambre reactivará o programa Píllara, unha proposta do departamento de Servizos Sociais que ten como obxectivo ofrecer apoio e educación familiar a familias usuarias dos servizos sociais comunitarios. Este programa, que xa ten atendido a máis dun cento de familias, está deseñado para mellorar as condicións sociofamiliares e favorecer a inclusión social, cunha atención especial ás familias en situación de vulnerabilidade.
O relanzamento do programa foi presentado esta na mañá de onte no salón de plenos do Concello, nun acto encabezado pola alcaldesa, María Pan, acompañada pola concelleira de Servizos Sociais e Recursos Humanos, Landa Díaz, a coordinadora de Servizos Sociais, Ana Monje, e Verónica Pérez, responsable do programa Píllara.
Na súa intervención, a alcaldesa destacou o impacto positivo que este programa ten nas familias: “Levamos máis dun cento de familias atendidas grazas ao programa Píllara, o que nos confirma a súa relevancia”. Pola súa parte, a concelleira Landa Díaz subliñou que “programas como este son esenciais para mellorar o benestar dos menores e das familias, facilitando ferramentas que fortalecen as súas relacións e a súa participación na comunidade”. Verónica Pérez, responsable do proxecto, explicou que o enfoque do programa é ofrecer unha atención individualizada, facendo un seguimento próximo para evitar que a situación de vulnerabilidade das familias se agrave.
Nesta nova edición, ademais das intervencións individualizadas, continuarase co desenvolvemento de obradoiros educativos dirixidos ás familias, con temas que responden ás súas necesidades, como a economía doméstica ou a autoestima para mulleres.
Entre os obxectivos do programa, atópanse proporcionar apoio psicosocial, derivar a recursos especializados, promover a igualdade e a corresponsabilidade no fogar e fomentar a participación comunitaria das familias.
Resultados da convocatoria anterior
Entre 2021 e 2023, máis de 50 familias participaron no programa Píllara, que inclúe obradoiros sobre competencias parentais, xestión económica e autoestima. O 34% das familias eran monomarentais, cunha maioría de mulleres beneficiadas. Grazas a esta intervención, mellorouse a convivencia familiar e facilitouse o acceso a recursos como a formación, o emprego e a atención á saúde mental.
O programa está subvencionado pola Consellería de Política Social e Igualdade e conta coa cofinanciación da Unión Europea, a través do Programa FSE+ Galicia 2021-2027.