Cambre licita os servizos para celebrar a VII Open Science o 21 e 22 de setembro

ACoruñaXa
A alcaldesa, María Pan Lesta, lembra que a cita "continúa medrando en cifras de participación e asistencia, adquirindo, ano tras ano, unha dimensión máis internacional"
Imaxe dunha edición do Open Science en Cambre
15 Ago 2024

O Concello acaba de sacar a licitación o expediente para celebrar a VII Open Science o terceiro fin de semana de setembro (os días 21 e 22). A prestación sae a licitación cun orzamento base de 94.685,29 euros.

O expediente está dividido en nove lotes, abarcando os seguintes servizos: carpas e complementos; carpa domo; sanitarios portátiles; instalación eléctrica temporal; serigrafía e sinalización; megafonía e son; vixilancia nocturna; memoria técnica e, por último, manutención.

A Open Science está coorganizada polo Concello e a Asociación Xuvenil XentD100. De feito, unha das particularidades desta feira científica é que a organización de gran parte da cita depende, directamente, dos máis novos. Así, a Open conta, ano tras ano, cun importante grupo de voluntarios que traballan divididos en comisións. Na sexta edición, por exemplo, foron un cento de rapaces e rapazas de entre 12 e 21 anos os que se encargaron dos detalles organizativos da feira.

A alcaldesa, María Pan, incide en que esta feira "é xa unha cita imperdible tanto para Cambre como para outros concellos da comarca". A rexedora lembra, ademais, que a Open Science "continúa medrando en cifras de participación e asistencia, adquirindo, ano tras ano, unha dimensión máis internacional".

A sétima edición arrancaría o venres, 20 de setembro, coa recepción dos participantes que proceden doutros puntos de Galicia, España e incluso do estranxeiro. A actividade na feira comezaría o sábado, 21 de setembro, e prolongaríase ata o domingo, día 22.

0.19690418243408