Cambre lanza un taller de empoderamento dirixido a mulleres xitanas
O Concello de Cambre vén de poñer en marcha un taller de empoderamento dirixido ás mulleres xitanas do municipio. Esta iniciativa, impulsada polo departamento de Servizos Sociais, dará comezo este mes de novembro e pretende crear un espazo seguro onde as mulleres poidan coñecerse, compartir experiencias e establecer redes de apoio mutuo. Ademais, servirá de ponte co programa municipal de inclusión social Amarí, orientado á integración social das familias xitanas de Cambre.
O taller ofrece un espazo de aprendizaxe e colaboración onde as mulleres xitanas poderán reforzar a súa participación na vida comunitaria e gañar visibilidade na sociedade. Desde o Concello destacan a importancia de romper estereotipos de xénero e culturais e poñer en valor a identidade cultural xitana. A través desta iniciativa, preténdese acadar un equilibrio que permita respectar as tradicións sen renunciar aos dereitos das mulleres, co fin de promover un liderado forte e consciente entre as participantes.
Entre os obxectivos principais deste taller atópase o de impulsar a participación das mulleres xitanas en espazos de toma de decisións, tanto a nivel comunitario como social. Búscase que as participantes poidan expresar a súa voz e reforzar o seu liderado en asuntos que afectan á comunidade. Ademais, outro dos alicerces do programa é o recoñecemento da identidade cultural xitana, promovendo un equilibrio entre o respecto polas tradicións e a defensa dos dereitos das mulleres.
O taller tamén pretende romper estereotipos e prexuízos asociados ás mulleres xitanas, visibilizándoas en espazos públicos e traballando para combater os estigmas machistas, racistas e clasistas que afectan a este colectivo. A maiores, proporcionarase un espazo seguro e de apoio onde as mulleres poidan compartir as súas experiencias, adquirir coñecementos e establecer lazos de solidariedade e sororidade entre elas.
Por último, o taller ten como obxectivo informar e educar sobre os seus dereitos, proporcionando ferramentas que fortalezcan a súa autoestima e melloren a súa capacidade para tomar decisións libres e informadas. A través deste enfoque integral, as participantes poderán ampliar o seu coñecemento e autoconfianza, sentíndose máis capacitadas para actuar en beneficio propio e da súa comunidade.
As mulleres interesadas en recibir máis información sobre o taller poden contactar co departamento de Servizos Sociais do Concello de Cambre no teléfono 881 92 39 56. Con esta proposta, Cambre reitera o seu compromiso coa inclusión social e o empoderamento da comunidade xitana no municipio, contribuíndo a unha sociedade diversa, xusta e igualitaria.