Cambre instala casas-niño para morcegos no espazo xuvenil Arrigada
Os hoteis para paxaros instalados en casa Arrigada verán ampliada a súa carteira de clientes. Ata o de agora, cásalas-niño colocadas no xardín da instalación xuvenil acollían, unicamente, a aves. Como novidade este ano, desde a Oficina Municipal de Información Xuvenil promoveron tamén a instalación dun refuxio para morcegos.
A iniciativa púxose por primeira vez en marcha no 2022 dentro do programa da área de Xuventude ‘Por fin é venres’. A proposta contou coa colaboración da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, que doou estas construcións ao departamento municipal, e dun particular que cedeu tamén a construción para os morcegos.
Pola súa banda, os mozos e mozas participantes nas actividades da OMIX volveron encargarse do mantemento destes elementos para que poidan seguir sendo un auténtico fogar para estes animais.
A colocación das casas realizarase nos próximos días, coincidindo coa época na que estes animais buscan niños para criar aos seus pitos. En total colgaranse cinco destas construcións: catro en Arrigada e unha máis no paseo fluvial do Mero, na zona máis próxima á instalación xuvenil.