Cambre garante o subministro de combustible dos vehículos e instalacións municipais

ACoruñaXa
Farao a través de dous contratos ponte e dunha medida coa que se busca solventar a problemática actual ata la licitación dos pregos en aberto
Imaxe da casa do Concello en Cambre
18 Mar 2024

O Concello de Cambre recorreu a dous contratos menores para contratar a subministración de combustibles (gasóleo, gasolina e GLP) para os coches, maquinaria e instalacións municipais.

Trátase, como explican desde o goberno local, de contratos ponte. Isto é, dunha medida “puntual, excepcional e inaprazable” coa que se busca liquidar a falta actual de subministración ata a licitación dos pregos en aberto. O persoal técnico está a traballar xa na actualización destes pregos, que están en Contratación (dependente de Secretaría) desde o ano 2020.

A licitación do servizo está pendente desde o 2020. No mes de xullo dese ano, precisamente, o técnico municipal delegou ao departamento de Contratación os pregos de prescricións técnicas, a memoria de necesidade e o informe técnico dos seguintes servizos: subministración en estación de servizo, de gasóleo e gasolina para vehículos e maquinaria municipal (lote 1), de gas GLP para os vehículos e instalacións térmicas en dependencias municipais (lote 2) e de subministración de gasóleo a piques de consumo para instalacións en dependencias municipais (lote 3). Actualmente, o departamento está a realizar a actualización dos documentos debido ao tempo transcorrido desde a elaboración do prego. O último trámite de delegación de Contratación é de xullo do 2022.

Á espera de que continúe a tramitación e co fin de non minguar os servizos e prestacións aos veciños e veciñas, sacáronse a licitación dous contratos menores: por unha banda, un para cubrir a subministración de combustible de 32 vehículos e máquinas da frota municipal e, polo outro, un segundo contrato para o consumo de gasóleo e GLP de varios edificios e instalacións municipais (Casa do Concello, centro de saúde, centro municipal de formación e nos campos de fútbol de Lendoiro e Brexo-Lema, así como en calquera outra instalación designada polo Concello).

 

0.20168113708496