Cambre ensinou aos cativos da Escola Unitaria de Pravio a comportarse ante un incendio

ACoruñaXa
Os escolares da Escola Unitaria de Pravio recibiron pautas sobre como teñen que comportarse en caso de orixinarse un incendio e realizaron un simulacro
Debuxo dun dos cativos da escola de Cambre da visita dos servizos de emerxencias
Debuxo dun dos cativos da escola de Cambre da visita dos servizos de emerxencias
22 feb 2024

O Servizo Municipal de Emerxencias realizou, nos últimos días, un simulacro de incendio na Escola Unitaria de Pravio. O obxectivo da actividade non foi outro que ensinar aos máis pequenos e pequenas como actuar no caso de que se producise un incendio.

Durante a actividade, os escolares recibiron pautas sobre como teñen que comportarse en caso de orixinarse un incendio. Para iso, fíxose unha proba na que os pequenos e pequenas tiveron que permanecer xuntos coa profesora mentres que o persoal da agrupación procedía a realizar os traballos de extinción das chamas, evacuación e ventilación.

Os nenos e nenas mostraron un gran interese ao longo da actividade e sacaron proveito dos ensinos dos membros da agrupación. Tanto é así, que os pequenos realizaron diferentes debuxos sobre como viviran a sesión formativa. Nas obras dos pequenos non faltou o fume e o lume, pero algúns se atreveron a debuxar tamén aos membros do Servizo de Emerxencias en plenos labores de extinción.