Cambre ensinou aos cativos da Escola Unitaria de Pravio a comportarse ante un incendio
O Servizo Municipal de Emerxencias realizou, nos últimos días, un simulacro de incendio na Escola Unitaria de Pravio. O obxectivo da actividade non foi outro que ensinar aos máis pequenos e pequenas como actuar no caso de que se producise un incendio.
Durante a actividade, os escolares recibiron pautas sobre como teñen que comportarse en caso de orixinarse un incendio. Para iso, fíxose unha proba na que os pequenos e pequenas tiveron que permanecer xuntos coa profesora mentres que o persoal da agrupación procedía a realizar os traballos de extinción das chamas, evacuación e ventilación.
Os nenos e nenas mostraron un gran interese ao longo da actividade e sacaron proveito dos ensinos dos membros da agrupación. Tanto é así, que os pequenos realizaron diferentes debuxos sobre como viviran a sesión formativa. Nas obras dos pequenos non faltou o fume e o lume, pero algúns se atreveron a debuxar tamén aos membros do Servizo de Emerxencias en plenos labores de extinción.