Cambre destina dous millóns de euros para cubrir facturas pendentes e mellorar os campos de fútbol municipais

ACoruñaXa
Os fondos permitirán renovar o céspede en Lendoiro e instalar nova iluminación nos campos de A Barcala e Dani Mallo
Imaxe do pleno de Cambre 31 de outubro
31 Out 2024

O Concello de Cambre vén de aprobar en pleno un suplemento de crédito de 2.045.209,99 euros e un crédito extraordinario de 4.249,45 euros para cubrir facturas pendentes e acometer melloras en instalacións deportivas municipais, financiados con remanente de tesouraría. Esta medida contou co apoio de Unión x Cambre e Alternativa dos Veciños, mentres que PP, PSOE, BNG e unha concelleira non adscrita optaron pola abstención.

Do orzamento total, 235.228,32 euros destinaranse ao pago de facturas non cubertas anteriormente, entre as que se atopan gastos de mantemento de instalacións municipais, compra de equipamento informático e outras necesidades de xestión. Ademais, parte destes fondos servirán para cubrir a liquidación do contrato con Jardincelas SL, que foi declarado nulo en pleno o pasado mes de abril.

A maior parte dos recursos, 1.814.231,12 euros, irán dirixidos a melloras nos campos de fútbol municipais, especificamente no céspede do campo de Lendoiro, cuxa deterioración incrementou o risco de lesións nos xogadores, tal como sinalou a alcaldesa, María Pan. Así mesmo, instalarase iluminación LED nos campos de fútbol de A Barcala e Dani Mallo, co obxectivo de mellorar a visibilidade e reducir os custos enerxéticos do Concello a longo prazo. “Temos todos os permisos e agora traemos este proxecto a pleno para a súa aprobación, coa idea de adxudicalo antes de que finalice o ano”, explicou Pan.

En resposta a dúbidas sobre a estabilidade orzamentaria, a alcaldesa admitiu que o Concello podería ter que elaborar un plan económico-financeiro o ano que vén, pero asegurou que "non pasa nada, xa estivemos nesta situación e saímos adiante”. Pola súa parte, o concelleiro de Economía e Facenda, Dani Mallo, pediu “tranquilidade” ao resto da Corporación e destacou que o suplemento de crédito permitirá cubrir estes gastos sen afectar outras partidas nin reducir servizos.

0.18772387504578