Cambre convocará novas prazas de mobilidade para reforzar a Policía Local en xaneiro

ACoruñaXa
A medida busca paliar a falta de efectivos e dar solución temporal á elevada carga de traballo
Pleno diciembre Cambre
17 Dec 2024

O Concello de Cambre anunciou na sesión plenaria extraordinaria celebrada este luns a previsión de convocar novas prazas de mobilidade en xaneiro para reforzar o cadro de persoal da Policía Local. Esta decisión chega nun momento crítico debido á imposibilidade de cubrir as vacantes mediante outros procedementos e á sobrecarga de traballo que padecen os efectivos.

O concelleiro de Seguridade Cidadá, Daniel Mallo, destacou a dificultade do proceso: “O feito de que prazas quedasen desertas reflicte a complexidade do problema. A taxa de reposición é unha limitación, pero seguiremos traballando para avanzar de xeito progresivo”.

O Concello, adscrito á Axencia Galega de Seguridade Pública (AGASP), deberá cumprir cos prazos e requisitos establecidos pola entidade. Mallo lembrou que a medida será temporal, dentro dun proceso iniciado en marzo, ata que as prazas sexan cubertas de xeito definitivo.

A alcaldesa, María Pan Lesta, lamentou a convocatoria dun pleno extraordinario “sen propostas reais”. Acusou aos grupos da oposición de non achegar solucións á situación: “Hoxe tráennos un pleno urxente sen urxencia real, sen ningún plan para mellorar a seguridade dos cambreses”.

⚙ Configurar cookies
0.057259082794189