Cambre convoca a inscrición do seu campamento de Semana Santa para cativos
O Concello de Cambre axudará á conciliación de ata 84 familias durante as vacacións desta semana Santa coa organización dun programa de actividades para o alumnado de 4º, 5º e 6º de Educación Infantil, todos os cursos de Educación Primaria e 1º da ESO.
En caso de haber solicitudes suficientes, debendo formalizarse un mínimo de 20, a iniciativa desenvolverase os días 25, 26, 27 de marzo e 1 de abril de 2024 no CEIP Wenceslao Fernández Flórez, concretamente no pavillón polideportivo, a aula de usos múltiples, a aula do AMPA, o ximnasio e o comedor do centro.
O período de inscrición estará aberto desde o 29 de febreiro ata o venres 8 de marzo. A documentación poderá solicitarse vía telemática a través da sede electrónica ou en calquera dos rexistros de entrada municipais.
Os e as participantes poderán estar atendidos, se así se solicita, desde primeira hora da mañá (7.30 horas) co servizo de mañanceiro, que inclúe o almorzo.
A partir das 9.30 horas e ata as 13.30 horas desenvolveranse as actividades propias do programa, que serán lúdico-deportivas e culturais e estarán relacionadas coa Semana Santa. Tamén levará a cabo un taller de primeiros auxilios co contido adaptado á idade dos participantes.
Por último, de 13.30 a 16.30 horas, haberá servizo de comida no comedor escolar para quen o demande, realizándose tamén diversas actividades entre a comida e a partida do servizo de autobuses.
A concelleira de Educación, Ana Rodríguez, destacou que estas actividades “son unha gran oportunidade para favorecer a conciliación dun importante número de familias, sendo un servizo básico e de gran relevancia para todos os veciños e veciñas”.