Cambre conmemorará o 25N co lema 'En Violeta todo o ano'

ACoruñaXa
A programación inclúe actividades culturais, deportivas e a lectura dun manifesto en rexeitamento á violencia de xénero
25n CAMBRE
16 Nov 2024

O Concello de Cambre presentou o programa “Cambre en Violeta todo o ano” para conmemorar o 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. A programación, que arrinca o venres 22 de novembro, inclúe exposicións, teatro, actividades deportivas e a lectura dun manifesto, co obxectivo de sensibilizar á cidadanía sobre esta problemática social.

As actividades comezarán o venres 22 ás 20:00 horas coa inauguración da exposición de pintura e fotografía “Mirada de muller” na Casa da Cultura Vila Concepción. A mostra, que estará aberta ata o 13 de decembro, reúne obras de artistas como Cristina Rodríguez, María Antonia Leo e Carolina Moreno, e contará cunha intervención musical da compañía Disque Fan durante a inauguración.

O sábado 23 destacarase a XI Andaina contra a violencia de xénero, organizada polo Consorcio das Mariñas, que partirá ás 11:00 horas do pavillón polideportivo de Guísamo. Pola tarde, ás 19:00 horas, o Centro Sociocultural do Graxal acollerá a representación da obra teatral “Veredicto”, a cargo do grupo de teatro afeccionado Cambre Teatro Amador Camtheam.

No propio 25 de novembro, ás 12:00 horas, realizarase a lectura do manifesto diante da Casa do Concello, coa participación da concelleira de Servizos Sociais, Landa Díaz, e alumnado dos institutos David Buján e Afonso X O Sabio. O día pecharase cun partido especial no campo Dani Mallo, ás 19:30 horas, onde xogarán futbolistas do Sporting Cambre, Brexo-Lema S.D. e U.D. Carral.

A programación inclúe tamén dúas exposicións dixitais: “A adolescencia ante a violencia machista” e “Crecer con medo: nenos e nenas ante a violencia de xénero”, dispoñibles na web municipal ata xaneiro. Ademais, o IES Afonso X O Sabio albergará entre xaneiro e febreiro unha mostra itinerante da Rede de entidades locais contra a violencia de xénero, titulada “Á violencia de xénero dille non”.

0.16333317756653