Cambre celebrou unha hoxe Xunta Local de Seguridade
A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, destacou este martes a importancia da coordinación entre as Forzas e Corpos de Seguridade para avanzar na seguridade do concello de Cambre. Xunto co alcalde do municipio, Óscar García Patiño, a subdelegada presidiu a Xunta Local de Seguridade en Cambre e así acordaron seguir impulsando a coordinación entre a Garda Civil e a Policía Local para potenciar a seguridade cidadá.
María Rivas quixo trasladar os resultados do traballo realizado polas Forzas e Corpos de Seguridade ao longo deste último ano, o que ten reflexo na baixada das infraccións penais, que diminúen un 7,19%, e que tamén se reflicte na mellora en case 2 puntos en canto ao nivel de esclarecementos.
Excluíndo os datos relativos aos delitos de estafa, e tomando como referencia os datos comparados co ano anterior, o nivel de esclarecementos globais mellora en 9,09 puntos acadando o 56,53% do total de infraccións penais.
Neste sentido a subdelegada subliñou que “o traballo preventivo e o seguimento, así como unha actuación constante e continuada son clave para a resolución e para mellorar a eficacia policial”.
En canto á taxa de criminalidade, a subdelegada recordou que o índice en España sitúase no 49,0 e en Galicia está no 35,3. Os datos de Cambre están no 27,12 case 11 puntos por debaixo da media da provincia que está no 38,2. “Son datos que indican por un lado que o traballo policial da resultados e por outro que, de partida, o concello de Cambre é un concello seguro”, asegurou a subdelegada.
Plan Director para a Convivencia nos Centros Educativos
Na reunión, a subdelegada do Goberno aportou datos sobre a incidencia do Plan Director para a Convivencia Escolar do Ministerio do Interior nos centros educativos de Cambre.
Neste sentido, María Rivas expresou a súa satisfacción pola boa acollida durante o 2023 de modo que en todos os centros educativos desenvolvéronse actividades do Plan Director nos que participaron 300 persoas entre alumnado, profesorado e familias.
O Plan Director para a Convivencia Escolar realizou 15 actividades nos 7 centros das que 7 serviron para abordar temas relacionados co acoso escolar e as 8 restantes con novas tecnoloxías.
VioGén
María Rivas e o alcalde de Cambre tamén analizaron os datos proporcionados polo sistema de protección de vítimas VioGén na provincia da Coruña, na que os sistemas policiais incorporados a VioGen rexistraron 2.188 casos activos de violencia de xénero. “Cada unha das 2.188 mulleres rexistradas constitúen unha prioridade para o goberno e todo traballo é pouco para garantir a súa protección e a das súas familias. Todas e todos temos que loitar xuntos contra a violencia de xénero, por unha sociedade máis xusta” expresou Rivas, neste senso lembrou a utilidade de que os concellos participen activamente e exploren todas as posibilidades que nos brinda o sistema de protección de vítimas VioGén.
A subdelegada incidiu en que a colaboración e coordinación por parte de todas as institucións implicadas na protección de vítimas de violencia de xénero resulta indispensable.
Así, María Rivas agradeceu a colaboración do alcalde na loita contra a violencia de xénero, xa que a Policía Local do municipio forma parte do sistema de protección de vítimas de violencia machista (VioGén) dende 2021; así como pola reactivación dos servizos exercidos pola Mesa de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero.
Ademais María Rivas lembrou que na provincia da Coruña son 24 os concellos adheridos ao sistema VioGén e 39 os que contan con Mesas de Coordinación Interinstitucional. María Rivas aproveitou para incidir na importancia de que todos os concellos da provincia que conten con Policía Local se sumen ao sistema VioGén para “rematar coas desigualdades e así conseguir unha sociedade libre de violencia machista”.
O Concello de Cambre recibiu dende o ano 2018 a cantidade de 88.692,77 euros no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero para o desenvolvemento de actividades para a prevención e sensibilización nesta materia.