Cambre celebrará a cabalgata de Reis o 5 de xaneiro con percorridos polo rural e recepcións reais
Este domingo, 5 de xaneiro, Cambre vivirá unha xornada chea de maxia coa esperada visita dos Reis Magos de Oriente. Pola mañá, os monarcas farán un percorrido polas parroquias do rural, mentres que pola tarde terá lugar a tradicional cabalgata por O Temple, A Barcala e Cambre.
A xira matinal comezará ás 9:00 horas no Castro do Bosque, punto de partida para visitar diferentes zonas emblemáticas das parroquias. Xa pola tarde, a cabalgata iniciará o seu percorrido en O Temple ás 17:00 horas desde o CEIP Portofaro, avanzando polas rúas principais ata rematar na rúa Eduardo Pondal. Desde alí, os Reis trasladaranse ao pavillón de O Graxal para ser recibidos polos máis pequenos.
A partir das 19:00 horas, a cabalgata continuará cara a A Barcala e logo a Cambre, onde está prevista a súa chegada arredor das 19:45 horas. A recepción final realizarase no pavillón Sofía Toro, onde os nenos e nenas poderán achegarse aos Reis para formular os seus desexos e participar no sorteo de dúas bicicletas e dous patinetes.
En caso de condicións meteorolóxicas adversas, manteranse as recepcións reais cubertas no pavillón de O Graxal, de 17:00 a 19:00 horas, e no Sofía Toro, de 18:00 a 20:00 horas. Os gañadores do sorteo anunciaranse a través das redes sociais municipais.